miércoles, 3 de abril de 2019

O LUSCO FUSCO DO CALVARIO ZONA VIVA


Cando un coma min retorna ás vellas estampas do Calvario, contempla no albúm da memoria mínimas searas, campos de millo, viñas emparradas na sombra e contraluces de limoeiros. Acórdome agora do Venancio, gardagullas do baile no que eu nunca vin bailar, "A Cosqueta", extraviado no avesío dos significados e os significantes.
Prometerame el bacelos e acedías para a luz de abril, cantando alí o cuco nas figueiras loucas de San Lorenzo, ou nos loureiros de Rúa Numancia, congrostra que seica antes foi do prócer Don José García Barbón, teño ouvido, paréceme a min. Cando vou ao Calvario, digo, vou a un mundo de morte  e de mortos, pero tamén de vida, a insubmisión da xeografía, a Lavadores, enigmátivo vocablo que non me di, nin moitos me din, nin outra me dixeron. 

Choviscou enrriba da vida e da morte, quizás xa ninguén lembre as galernas que levaban tellas, ó Evaristo e as "palomillas"  e o trebón longo do inverno, o progreso, calquera que sexa, levouno todo, tudo.
Cando xa declina o outono, e a piques está de se instalar no corazón o inverno,  retornamos a Lavadores, polo  Camiño das Cruces, porque aí houbo Gólgota, inocencia, paixón. Aínda a palabra calixe (calima para os guiris interiores) non invadira o tempo, a vida. Dobremos, paseniño, as curvas do horizonte, a fonte esquecida que non sabemos da Mirlota, as lagoas do que hoxe tentamos procurar na Travesía de Vigo, de vimbios e sabugueiros, pescar coa cana na  noite, na bóveda azulada ¿Qué é o Calvario? ¿Que foi?
Viaxemos, pois,  polo silabario, pola Sinda, a do Manolo, luz dos alcabeiros, fielato, chatarrería e así. Por Xosefa, acontece a xastra, días maricallos e escuros, pola aldaba do Alaska, café con leite e  unha copa vermella cando un viña de Santiago. de Lugo, do norte.

Non se sabe ben se hai que ver para vivir, ou hai que vivir para ver. Porén, en calquera caso, vexo pasar pola costa de Asturias. Le temps s¨  en va, mes dames, que diría Alvaro Cunqueiro: "Quen amores há/ como dormirá!

Universo finito de pronomes  (Santiago Montes sabe o que digo). acaso vostedes tamén.  Imos viaxar, breves polos cocabulos: rapariga, que cheira que alcatrea, penico e fogueira de San Xoaán, o Leriche de mómaro, a hora que vai esvarando polo reloxo.

E vas vindo coma quen se deixa  ir e dis ghicho e cagarrón, e Cruz Blanca e garda civil, e confidentes, e delatores, e Carlos, e tantos outros nomes, ou só un nome, ben  pouco no camiño, un oso pompón  o escintilo do verán: sobe a farandola pola mesma fonte da Mirlota, achégase ó Seixo, a Pardavila. As cabras ulen as canfurnias, tiran ó monte, cara a algún lugar esmorecido da vila- ¡ De aqui a loura! din no val, nos profundos. E  nembargantes, eu son este neno que pasa e ve pasar. este asombrecido paso que está a rebumbiar a quietude da historia: "Confecciones la Ganga", "El Paraíso", "O Xerriño", Cabral e Barreiro, ó mediodía, cando acontece a tarde,  o lixo,  que xa non é o que foi, no leite, no vagalume, que para este que lles conta eran os tranvías que de súpeto transcurrían cara o pan de Porriño. E recordar no que ti lector deste Zona Viva, chamas misteiro, ar destruído da noite.


Neste serán, neste ebrente,pasan entoldadas as sombras, as vellas horas que ti recordas. Pasa o día en caravana, pasan as outras cousas. Äs vegadas, o almanaque é algo máis que un sentimento.

Agora agardo, como outras tantas xeiras, que transcorra o  empardecido, o tempo que dixemos, aínda que pareza que non,porque sabemos que a pesares de todos, foisenos indo, meu amigo.

MANUEL VIDAL VILLAVERDE

No hay comentarios: